martes, 28 de febrero de 2012

UN CAMPIÓN DE FUTBOLÍN ENTRE NÓS!


Sabiades que entre os alumnos do IES Universidade Laboral contamos cun campión nacional de futbolín? O alumno Diego Legaspi Gasalla, do 2º curso do CS de Prevención de Riscos Profesionais, acadou este título na modalidade "Parado" no ano 2010 no campionato celebrado no Hotel Scala de Padrón. Xa no ano 2005 conseguira chegar á final aínda que non gañou o título, e desde entón o estivo intentando ata que finalmente o conseguiu.

No último campionato celebrado en Decembro de 2011 tamén en Padrón, Diego non conseguiu revalidar o título, aínda que acadou un meritorio 9º posto nesta modalidade, sendo eliminado polo novo campión, e ademáis quedou no  4º posto na modalidade "En movemento". Tede en conta que na primeira modalidade participan unhas 70 parellas, e na segunda unhas 100, polo que non está nada mal!

Ademáis do Campionato de España, Diego xa gañou tamén a Liga Nacional, e o Máster de Rábade en dúas ocasións.

Diego nos conta que "é un mundo un pouco freaky pero bonito á vez, xa que se experimenta a sensación de competir ao máximo nivel, e non hai mellor sensación que cando se consigue gañar. Ademáis, permíteche coñecer a moitísima xente de moitísimos lugares de España, e ábreche as portas a viaxar facendo o que che gusta".

Se estades interesados no tema, aquí tedes un par de enlaces:

www.mundofutbolin.com/

http://vimeo.com/17995627  (Éste é o enlace da última partida do campionato de 2010, cando Diego - arriba á esquerda - se proclamou campión)

viernes, 24 de febrero de 2012

VISITA DOS ALUMNOS DE EFICIENCIA Á CIDADE DA ENERXÍA


O pasado Xoves día 9 de febreiro os alumnos do Ciclo Superior de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica visitaron a Cidade da Enerxía en Ponferrada, ao longo deste día visitaron tres instalacións:
  • En primeiro lugar estiveron na planta de captura de CO2 situada en Cubillos del Sil (http://www.ciuden.es/index.php/es/tecnologias/instalaciones/esco2), nesta planta sepárase o CO2 contido nos gases de combustión producidos en centrais térmicas e procesos industriais. Trátase de un centro tecnolóxico para a investigación, desenvolvemento e demostración destas tecnoloxías e o seu fin pasa pola redución dos costos da captura actuando sobre a eficiencia dos procesos.
  • A continuación visitaron a sede da Fundación Cidade da Enerxía situada en Ponferrada, esta sede dispón dun sistema de climatización por medio de dúas caldeiras de biomasa de 200 kW cada unha e unha planta enfriadora de absorción e outra por compresión. Xunto cos técnicos da Fundación, tamén visitaron unha planta fotovoltaica de 25 kW para inxección a rede situada na cuberta dun edificio.

  • Por último visitaron o Museo Nacional da Enerxía, do que actualmente só se atopa aberta a primeira parte correspondente ao Museo do Carbón e que se atopa nunha antiga central térmica rehabilitada que estivo en funcionamento entre 1920 e 1930. Neste museo cóntase a relación do carbón coa enerxía dende os puntos de vista tecnolóxico e social.

jueves, 16 de febrero de 2012

VISITA DOS ALUMNOS DE 2º CSPRL Á REFINERÍA



O pasado 2 de febreiro os alumnos de 2º curso do CS de Prevención de Riscos Profesionais fixeron unha visita á refinería de Repsol.

O  grupo foi recibido por D. José Peña, do Departamento de Relacións Externas, quen os acompañou a unha recepción no salón de actos da instalación para ver un vídeo sobre a historia da refinería de A Coruña e as súas funcións, así como o aproveitamento que se realiza actualmente de todo o cru neste complexo (GLP, naftas, etileno, propileno, queroseno, gasolinas, gasóleos, asfaltos, etc).

Os técnicos de Seguridade e Prevención do centro de traballo fixeron tamén unha ponencia sobre as diferentes medidas de Seguridade e Prevención das instalacións, e sobre os seus intentos de melloralas ano a ano. Os nosos rapaces tamén puideron comprobar a integración da prevención en toda a plantilla.

A visita continuou no Parque de Seguridad, que conta coa presencia permanente dun equipo de bombeiros con equipos e vehículos de última xeración. 

Tamén fixeron un percorrido en autobús por todo o complexo, vendo as diferentes áreas que o compoñen, e parando na sala de control desde a que se observa todo o proceso das diferentes plantas, labor que foi convenientemente explicada polos operarios encargados

Finalmente, os informaron das probas de acceso á plantilla de Repsol e foron obsequiados cunhas bebidas e uns pinchos.

Realmente foi unha visita moi proveitosa!